jueves, 25 de junio de 2009

REVISTA ADRA, número 4: "O bicho invisible"

Artículo de Ana Baliñas, co-guionista de la serie, publicado en ADRA, revista dos socios y socias del Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. 2009.

“EL LINCE CON BOTAS”: O BICHO INVISIBLE

No ano 2000 empeza a materializarse por primeira vez en Extremadura a Lei de creación da radio e televisión autonómica, e a Libre Producciones, coma empresa pioneira e de traxectoria contrastada do sector audiovisual naquela comunidade, se lle pide unha idea de contidos. Preséntase daquela a proposta de “El lince con botas”, formato de serie documental con episodios de media hora de duración protagonizados por un bicho invisible: invisible na realidade dun medio ambiente humanizado onde, pola competencia coa explotación cinexética, non pode xa vivir nin siquera onde aínda fican boscos mestos e montes fragorosos, felino extinto; invisible tamén na ficción de cada un deses capítulos en que, como animal imaxinario, fala pola voz dos locutores, conversa cos entrevistados, pescuda sen xenreira as extrañas actividades dos que agora habitan e transforman paisaxes que outrora patearon os seus, comedor de palabras, pescudador de oficios, de experiencias e de saberes. Da serie ían ser protagonistas “os seres humanos, capaces de cáseque todo, ata de pararse a charlar cun animal invisible”.
Esa idea sería o punto de partida para o conxunto técnico e humano constituido por unha empresa privada cunha dilatada experiencia previa de producción audiovisual en Extremadura, que pronto empezou a levala á realidade. Escomenzamos a traballar na producción, grabación, edición e realización, documentación e guións desa serie de reportaxes documentais de temática variada, que levaba no seu tiduo a orientación conservacionista e viaxeira, e a referencia ó mundo dos contos, que, coma todo o mundo sabe, atan usualmente ficción con realidade.
Chegarían a sumar, un a un, en dous tráfagos de traballo tolo, un total de 291 episodios realizados e caáseque todos emitidos en dúas vegadas. A primeira, con cento carenta e sete episodios elaborados a razón de tres a cinco á semana, entre os anos 2001 e 2002. A segunda, de cento cuarenta e catro en similares condición, escomenzada tres anos máis tarde. A pequena historia desas dúas tempadas está ligada á da TV autonómica extremeña, algo máis dilatada.
Houbo, en Extremadura, un primeiro experimento de TV pública chamado “Canal Sur Extremadura”, que empezou a emitir no ano 2001. Na súa parrilla de programación, e coma un dos programas máis resaltados, figurou dende o prinicipio a primeira tempada da serie, da cal se emitían varios capítulos cada semana. Se nos falara naquel primeiro acordo de dous anos de “Lince” garantizados, e vistos os resultados favorables das estadísticas de audiencia do programa, a aparente boa acollida pública, e outros indicios que nos semellaban fiables, coma as boas críticas en artigos de prensa, os correos, comentarios telefónicos e cartas encomiásticas que recibíamos na empresa encol da serie, nada nos facía supor que puidera non ser fora verdade.
Especialmente, confiabamos na propia valía e interese do que conseguían trasmitir os entrevistados, e do que conseguían facer os colaboradores do Lince: buscadores e localizadores in situ, abertos uns e outros a compartir xenerosamente o que eran ou o que sabían con quen fora a preguntarllo de bós modos e con algún coñecemento de causa e interese definido previo.
Non embargantes, moitos meses e capítulos antes deses dous anos previstos, aquel Canal Sur Extremadura, tras só nove meses de vida, por motivos políticos e sen avisos previos, deixou de súpeto de existir. Imanxínense o pau que levamos.
Houbo logo, e hai aínda, o actual Canal Extremadura, que empezou a emitir en Nadal 2005, tamén dende o principio co “Lince” na súa parrilla, tralo curioso “apagón autonómico” de tres anos. Co novo ente, en réxime de coproducción, afrontouse daquela a segunda tempada da serie, co equipo de producción inicial parcialmente reconstruido tras tres anos de detención, e grandes mostras iniciais de interese pola continuidade da serie e o traballo da empresa por parte do medio público.
Nun caso, puidemos achacar á pura mala sorte a pequena catástrofe que, para a economía da empresa productora, así coma para as expectativas dos traballadores, que desenroláranos entre nós unha boa relación profesional e de amistade, supuxo a primeira imprevista finalización da serie.
No segundo, foinos aínda máis difícil asumilo. O medio emisor descartou expresamente dende 2006 tanto mercar ou contratar nin un segundo máis do noso catálogo de produccións e proxectos, coma renovar a producción dunha serie, que, sen razoar motivos, deixou pouco despois de emitir, preferindo contidos de caracter e producción moi diferentes.
E non embargantes, aquel programa respondía notablemente ó que a lei de creación da RTV pública autonómica dictaba (e dicta, pois ninguén a cambiou aínda), para este medio de comunicación en concreto: “contidos culturais de calidade, non alienantes, degradantes nin escapistas”, que reflectaran “a pluralidade social da comunidade”, e que amosaran ós destinatarios (e pagadores) daquel servicio público (é decir, á cidadanía extremeña ó traverso da súa administración autonómica) a paisaxe natural e humana da comunidade, a súa cultura. Ofrecía, lóxicamente, contidos axustados ó chamado “criterio de proximidade” (por lei, as TVs autonómicas teñen tamén éste entre os seus requisitos de programación), e axustábase igualmente ó criterio de ser producida por unha empresa “autóctona” (-de xeito que a economía indirecta xerada polo sector audiovisual revertise na riqueza conxunta, en vez de converter o medio nunha sorte de “fuga de capitais autonómicos”-), pois o desenrolo do sector audiovisual autonómico era, por estes ou outros motivos, un dos principais obxectivos que a Lei de creación do ente de radio e tv extremeño trataba no seu inicio.
Por contrato ficaran especificadas as seguintes condicións entre o medio público e a empresa co-productora privada (privada e independiente, neste caso): un sería libre e responsable á hora da emisión, outra seríao á hora da pre e post producción da serie en tódolos aspectos de autoría creativa, dende a idea orixinal e o traballo de cámara e son á mesa de edición, pasando pola producción, elección dos contidos, etc. Ambalas dúas partes contratantes posuirían sendos másters de cada programa da serie en formato broadcast televisivo profesional, e ambas compartirían calqueira beneficio económico fururible devengado da serie ó cincuenta por cento.
En canto ó noso enfoque, o mesmo pras dúas tempadas, seméllame correcto: empregar o medio público para que a que a xente falara dalgo que sabía e quería narrar, e que se vese e oise na tele do mellor xeito posible. Conseguir que varios centos de persoas puideran trasmitir cousas que saben ou fan, “cousas”, cicais, que son. Tamén experiencias vitais singulares e diversas. E, entre elas, amais dos saberes académicos ou científicos, decantamonos en gran medida pola lembranza vital, sobre modos de vida e producción presentes e pasados, de persoas de mediana edade e eidosas do medio rural, anque tamén houbo capítulos sobre e en ambientes máis urbanos.
Estabamos, como as veces se dixo nas chamadas a potenciais entrevistados o localizadores dende os teléfonos da empresa, “embarcados nun proxecto apaixoante”.


* * *

¿De qué trataba a serie? Nunca cataloguei a primeira, anque podería facelo seguindo máis ou menos os mesmos epígrafes temáticos que apliquei ó tentar ordenar temáticamente a segunda. Trataba, por exemplo, de amosar a audiencia “pobos e enclaves concretos de patrimonio cultural ou artístico-histórico extremeño”. Na segunda tempada, contabilicei un total de dezanove episodios subsumidos nese epígrafe, que visitan diversos puntos da xeografía das dúas vastas provincias arrapiñando episodios de media hora cada un e, normalmente, varios entrevistados por capítulo. Conto logo os adicados a "arqueoloxía e historiografía da comunidade extremeña", a continuación vinte máis de "natureza, medio ambiente e ecosistemas", diferenciando os que versan sobre “patrimonio natural, actividades de conservación e principais ameazas” (once episodios), os catro adicados ó "seguimento de cauces fluviais", os cinco da mini serie de "botánica e fito-diversidade"; aínda logo os vinta e tres catalogados coma "sociedade e actualidade en xeral".. Sumo os de "deportes e deportistas", os de "música", os adicados ó "teatro", os clasificados coma "artistas, escritores e debuxantes", os dous de "gastronomía", e, finalmente, computo trinta e cinco episodios alineados baixo a temática común de "etnografía, técnicas e oficios".
Descendo ó concreto, topo na primeira categoría estas apresuradas sinopsis de episodios da segunda tempada: antigos veciños, constituidos en cronistas e investigadores do suceso, narran o asulagamento das súas terras, caserío e camposanto en tempos de Franco, en “Talavera la Vieja, durmiendo bajo las aguas”. Historia e arte na vella sé no episodio “La catedral de Coria”. Tradicional festa de recolección en “La Fiesta del Capazo”. A lexendaria figura dun "bandolero generoso" na pacense Serra de Alor, e a construcción tradicional das características "chimenas portuguesas" no mesmo enclave raiano. Os Baños· de San Gregorio de Brozas, as moi enxebres "chozas" graníticas nas leiriñas escalonadas do Val do Jerte, o conxunto da "Máquina do tío Fabián", patrimonio de arqueoloxía industrial composto por máquina de fiados con muiño hidráulico na outrora productiva poboación de Portezuelo, os catro capítulos adicados a dúas moi contrastadas cormarcas urbanas da capital cacereña (ficaban para o futuro, e endexamáis chegaron a facerse, os parellos capítulos sobre as ricas, en historia e belezas, bisbarras pacenses e emeritenses...).
Entremezclados con outros sobre o deporte ou xogo da petanca, a formación agraria, os riscos da contaminación, os hiphoperos, rapeadores e bailadores de breakdance, o deporte de base, os postos nos mercados semanáis ó ar libre de pobos e cidades, os profesionais de strep-tease (“El desnudo como disfraz”), a memoria histórica, unha clínica veterinaria, a vida duns curas nunha parroquia rural, os transeúntes, etc, etc. que foron algúns dos de “sociedade en xeral”.
En música, aparéceme un totus revolutum: dende a máis ancestral e popular, coma o pandeiro tradicional nas lindes da Extremadura alta, o tamboril, o acordeonista, unha crebada cantaora xitana, ós grupos de folk, pop e rock, a banda de amigos, a orchestra de verbena popular, o de etnografía musical en que un dotado "percusionista de cacharros" lembra en público espectáculo parte do que, coa menaxe doméstica, os chocallos ou esquilos, etc, podíase facer e facíase de música outrora, ou os dous adicados a un intrumento moi especial nestas latitudes, o rabel...
E aínda que seguira detallando, sumando e catalogando, continuaría a sentirme incapaz de suxeitar ós productos do percorrer fantasmal dos equipos de grabación e edición da empresa en ringleiras ordeadas. Véñenme a mente, ser vir a conto, a beleza infinita das mineralizacións de aragonita nunha cova descuberta ó caer nela medio burro cando estaba o seu dono a arar, e o pequeno melodrama que durante décadas protagonizou a familia propietaria deses terrenos, convencidos de ter na cova un “tesouro” ó que xamáis conseguiron sacar partido, as fascinantes variedades lingüísticas na fala das xentes, a riqueza etnobotánica que, man a man, van descubrindo para a cámara nunha caleixa da oriental comarca dos Montes un especialista académico e un antigo pastor, en herbas alimenticias, en remedios e costumes, a conmovedora persistencia da historia humana na paisaxe rural e urbana desta periférica comunidade humana de apenas un millón de habitantes na actualidade, as chairas que semellan non ter fin, as devesas, as sobreiras, a floración das jaras nas lomas e lomas do sotobosco mediterráneo, os chozos, os pastores, o caldereiro, o ferreiro, os caleiros, os esquiladores, o pregoeiro, o hortelán, o cesteiro, o sogueiro, os campaneros, o zapateiro, os talabarteiros, o albañil, os corcheiros...
Corto en plena digresión e teimo en avanzar este artigo.

* * *

Comunicación coma ben social… Comunicación, pois, coma aquelo que polo seu carácter benéfico de utilidade ou servicio público merece os cartos que custa. Pero, ¿quén debe falar? ¿quén debe comunicar? Para nós a resposta era clara: cantos máis millor, entre os que coñeceran, e por tanto puideran aportar, contidos sobre a realidade extremeña, en canto ó seu medio físico e humano. Detendadores de saberes, oficios e actividades. Habitadores de lugares. Trasmisores de opinións e iniciativas. Denunciadores de erros ou problemáticas. Persoeiros de sí mesmos, e só representantes da administración en canto tivesen que ser eles, e non outros, os convocados á cita có público.
Así, a alcaldesa de Romangordo (vanse sorrir os lectores ante o topónimo), concello que financia unha investigación arqueolóxica no seu territorio, participa nun dos episodios da serie, adicado á extensión do neolítico en Extremadura nunhas datas que esa mesma investigación revelou moi anteriores ás previamente consideradas para este territorio. Agora ben, posto que ese aspecto da financiación da investigación arqueolóxica, anque de interese, mesmo exemplo loable, non é extremadamente importante para a difusión de coñecementos sobre a prehistoria, que era o principal pulo no programa, a participación da alcaldesa limítase a uns minutos bastante ben empregados: ela presenta o tema do capítulo, a localización xeográfica do enclave, lembra os derradeiros usos humanos que tivo (agrícolas tamén, nunha persistencia temporal emocionante para a fermosísima e nas derradeiras décadas asalvaxada “garganta de las Canalejas”), e menciona ser o seu un dos municipios con valores naturales merecedores do recoñecemento da Unesco, parte da “Reserva da Biosfera” asociada a Monfragüe. Os dous arqueólogos que amosan os abrigos e detallan os achádegos e os métodos empregados naquela súa investigación ocupan, cara o público, a meirande parte da media hora de programa. Os tres entrevistados están subordinados ó mesmo: trasmitir información relevante, e non se priorizou nin se minimizou, coido, a presencia de ningún deles por outros motivos que non fosen servir á intelixibilidade e amenidade do programa.
Neste episodio, coma en outros, o reto era tentar que a xente expresara información relevante de potencial interese público, e crearlle, con motivo do locutor, das músicas, da realización e das imaxes de recurso, un colchón axeitado para atendelas un telespectador. En moitos casos, o criterio “aburrido” foi empregado para eliminar un “ total” con entrevista –dícese do conxunto total dos elementos sincrónicos audio e video dun cacho de grabación na mesa editora-. Noutros, non obstou para elo, e sei que non tódolos episodios foran igualmente doados de seguir, neste sentido. Mentarei a resposta que me deu unha señora de medio rural e poucas letras ó respecto dun dos programas que, ó meu propio entender, resultaran realmente dormitivos. Ó preguntarlle eu se non lle parecera tal, respostoume con verdadeiro entusiasmo algo así coma: “¡e non, daba gusto oires a aquel señor que falaba tan ben!”. O tema, a biografía, contexto e filosofía do teósofo extremeño Mario Roso de Luna, explicada monotemáticamente por un dos especialistas no seu pensamento.
Por iso, se algo me deixou o “Lince” coma experiencia, foi un enorme respeto pola formación e as capacidades cognitivas dos nosos espectadores e dos nosos entrevistados, moi por riba das condicións de “éxito de audiencia” preconizadas polos defensores do tele-lixo, que adoitan ser os mesmos responsables dos medios, o seu séquito, e os comulgadores coa súa magra ideoloxía.
Confiar na intelixencia allea, na dos entrevistados e na da audiencia, é unha das apostas máis urxentes no medio de comunicación televisivo, onda a mesma inmediatez da intrínseca oralidade das mensaxes faculta a comprensión do dito, se non se caer en falacias, con moitas máis garantías que a densidade dun texto escrito. Un dos grandes poderes do rexistro tecnolóxico contemporáneo de imaxe e son é a posibilidade de manipular a temporalidade do rexistro, e, á hora de trasmitir información, esta ferramenta revélase moi fecunda. Anque se fagan as entrevistas por separado, os coñecedores dun tema ou dun lugar ou dunha actividade ou dun suceso falan do mesmo, e tratarán decote os mesmos aspectos en diversos momentos da súa entrevista, formulándoos cadaquén dun xeito propio. Entón, á hora de elabora-lo guión, cabe xuntar ese momentos, e, de cara ó telespectador, a redundancia funcionar para a mellor comprensión do dito. Ou, un deles, ilustrar de xeito gráfico o desenvolto polo outro máis teóricamente. Ou alternarse varios, creando certo suspense, á hora dunha narración ou dunha descripción. Ou deixar un deles no ar unha pregunta que será retomada polo outro, ou, viceversa, responderen eles as incógnitas que plantexe o locutor...
O obxectivo, crear un texto oral que, artificiosamente, terá forma de diálogo entre varios falantes complementarios, que, á súa vez, poden respostar a preguntas ou comentarios da voz en off das persoas reales que encarnaron na serie ó noso invisible, pero extremadamente curioso animal de ficción ó conversar con eles. Operador de cámara, entrevistador e entrevistados... Coma nunha obra de teatro, ou aínda coma nunha conferencia, puido ser en moitos casos o propio xogo e pracer intelectual de seguir o fío narrativo do capítulo, de comprender qué está a pasar e qué din e quen son eses mixturados faladores, un dos incentivos para seguer con interese un programa sobre un tema que acaso, con outra presentación, o suxeito telespectador nunca abordaría motu propio.

* * *

Fala mellor quen ten entusiasmo e implicación personal en ou polo tema do que fala. Fala tamén mellor quen coñece de primeira man, por experiencia ou estudo propio. Só un albañil que a practique pode amosar a técnica do esgrafiado, só o veciño de certa idade dun pobo pode comparar os antes e os despois do seu lugar, só o experto en epigrafía desentrañar unha lápida.
Trascribíndo aquelas entrevistas, pregúntabame eu decote en qué tramos aparecían nelas un texto con razoamentos de tipo problema-solución, de tipo causa-consecuencia, de tipo descriptivo ou de tipo narrativo, que ven sendo unha categorización razonable da tipoloxía de “formas de trasmitir información”. Tentaba distinguilos e mixturalos do mellor xeito posible. Iso, escoitar con atención, reescoitar, escribir, ordear tendo sempre coma obxectivo axudar á meirande intelixibilidade (e empatización, nalgúns casos) desas entrevistas. E preguntarme decote: ¿Qué máis aspectos, ademáis dos expostos nos anacos seleccionados das entrevistas, habería que insertar nos textos de locución? ¿Cantos e cales e qué escribir neles, e ónde irían estes no programa, de xeito que, a modo de morteiro adhesivo, deran tamén unidade ós segmentos escollidos dos entrevistados? Trascribía primeiro a papel o que decían e tentaba, a partires daquelo novo, completar no posible a documentación previa, denantes de escomenzar a bocexar un primeiro borrador de guión.
Tentar respetar dalgún xeito a lóxica interna daqueles faladores que vía na pantalla e escoitaba a través dos cascos, de xeito que eles, o locutor, as músicas e os silencios contribuiran a crear un conxunto coherente e, a seren posible, fermoso e atractivo… Discúlpese a verborrea destes párrafos; recoñezo que me costou moito loitar e domeñar dalgún modo as moitas posibles combinacións do contido daquelas cintas de varias horas, entre conversas e planos de recurso, chamados usualmente “brutos”, que chegaban ó local da empresa tras cada saída do equipo de grabación, pechando finalmente programas coa duración prevista.
As entrevistas longas, e a participación do azar. A búsqueda da naturalidade. Os equipos de cámara voltaban, ás veces, narrando algúns deses momentos en que, ó longo da serie, a deusa fortuna ou o señor azar amosáranse benévolos connosco. Cando, tras escomenzar a grabación dunha localización aparecía de súpeto nela, levado alí polos seus propios motivos e non convocado previamente pola xente de producción, xusto o elemento humano que o lugar demandaba: o transeúnte habitual das minas abandoadas que resultaba ser antigo traballador delas, o veciño “de respeto” dunha diminuta e envellecida localidade actuando en funcións de embaixador da súa pequena comunidade, disposto ou non a conceder a aqueles forasteiros a súa confianza colectiva... Tentouse, non embargantes, non confiar demasiado ó azar, senón máis ben deixarlle tamén espacio a ocurrir, e non podo sinon calificar de impresionante a laboura que Margari Martín, Manuela Gutiérrez e os seus colaboradores na producción executiva de cada capítulo facían previamente, conseguindo a milagre de casaren horas e citas, localizacións e persoas, entrevistados, viaxes, aloxamentos, itinerarios e lugares para comer ó longo daqueles meses de vertixinosa actividade en chamadas telefónicas, lecturas, consultas bibliográficas, correos electrónicos, búsquedas en internet e centos de conversas.
Cicáis nunca puidemos albiscar máis claro a pouca sintonía entre o noso traballo e os criterios televisivos manexados polo medio de comunicación pública que con ocasión dun deses inmellorables azares. Estábase a falar cun entusiasta investigador das vías férreas cando, polo camiño pralelo á vía en que se facía a entrevista, entra en plano a figura dun camiñante naquelas silandeiras paraxes, hai moitos anos abandoados polo tránsito ferroviario. O home achégase, saúda, ponse a escoitar o que sucede perante a cámara. Ós poucos segundos, intervén espontánea e moi asisadamente, con motivo de contar naquel momento o investigador cando e cómo rematan de pasar trens naquel enclave. Fora aquel home, nin máis nin menos, un dos que, vintetrés anos atrás, viaxara naquel derradeiro comboio, ficando estantío de lembrarlle entón aquel descoñecido, có día e ano exacto, esa súa esquecida experiencia, que pasa a narrar con toda naturalidade. ¿Podíase imaxinar mellor casualidade? O plano-secuencia, captado con gran sensibilidade polo cámara, fora dos que suscitou na empresa o unánime aplauso de “¡qué planazo!”, e evidentemente empregado na edición do programa.
Recibimos daquela, por parte de Canal Extremadura, comentarios por escrito de tipo: “prodúcese a indesexada intromisión dun anciano” que “corta a narrración do experto”, “debéndose evitar no futuro este tipo de fallos”. ¿Intromisión? ¿Anciano? ¿Erro? O feito de que o contrato de co-producción deixara tódo-los aspectos da realización de cada programa a responsabilidade e criterio estético do director da serie, profesional cunha sobrada traxectoria posterior e previa, non foi óbice entón nin noutros intres para recibir este tipo de fulminantes (e sempre recriminatorias) comunicacións. Criticouse índa o que fora, xa na primeira tempada, unha das señas de identidade máis características da serie, que era revelar de cando en vez, coma quen non quere a cousa, as mediacións técnicas da aparente inmediatez da imaxe televisiva: a presencia do micrófono, o cámara que limpa as gotas de chuiva do lente, o tránsito dos trebellos cara unha localización, o movemento de cámara que desvela o contexto artificioso dunha entrevista...
Máis grave, ó noso entender, foi o tira e afrouxa có medio público que tivo ó realizador da serie en semi k.o. técnico por negarse a suprimir os completos tíduos de crédito de cada episodio, que daban conta a calqueira espectador interesado dos nomes das persoas, asociacións e entidades que colaboraran na súa documentación e grabación. ¿Por qué debíamos eliminar esa información escrita, que, cunha música final, remataba en rulo cada capítulo, e, unida ós rótulos de identificación dos entrevistados ó longo dos programas, permitía potencialmente a comunicación non mediatizada entre os suxeitos protagonistas de cada realidade e os interesados en contactar con eles, intercambiar experiencias ou contrastar ideas? ¿A qué falar, por exemplo, dun museo etnográfico, dun lugar histórico ou dun xardín botánico, tentando convencer ó público potencial do interese da súa visita, para logo agachar ó espectador onde pode atopar iso que o animal invisible, ás veces cáseque de esguello, contempla nese capítulo? ¿A qué dar voz á laboura dun colectivo solidario, dun artista, dun artesano, dunha entidade cultural privada ou pública, se logo se lle rouba ó telespectador a súa identificación? ¿Non se supón que iso, ser medio de comunicación entre os membros dunha sociedade que tenta coñecerse mellor a sí mesma por medio da tv, é principal tarefa dese servicio público?
Que o medio público quixera impornos colaborar na reducción ó anonimato de entrevistados e colaboradores dos programas foi, pra nós, moi difícil de comprender. Foi tamén un fito entre moitos, dos que destacar outro intre decisivo na relación entre a empresa e o medio emisor, cando recibimos, vía “ordeno e mando” telefónico dun dos seus responsables a seguinte intimación: non querían programas en que se “atacase á clase política ou ós medios de comunicación”. Iso, xusto o día despois da emisión dun capítulo sobre Jesús Garzón, un dos naturalistas de máis relieve nacional, de todos lembrado polo seu traballo en prol da recuperación das cañadas e cordeis públicos da trashumancia vacar e ovelleira na península ibérica. Fora, efectivamente, aquél bastante crítico respecto a unha xestión concreta dos poderes públicos en non lembro qué situación, e dábame, e dame, exactamente igual a que fora. Por principio, e coma o resto de nós, estaba eu convencida precisamente da intrínseca bondade da libre expresión nos medios de comunicación públicos (¿onde, senón nos seus propios medios de comunicación, deben e poden atopar con xusticia os cidadáns ese seu espacio pra presentar ós demáis opinións e puntos de vista contrastados, críticas, denuncias, ideas, valoracións, anceios?) ¡Se eu, na miña inxenuidade, coidaba que ése sería un dos méritos que manterían viva a serie ata rematar alomenos esta segunda tempada, igualmente prevista pra dous anos de duración! ¡O mesmo que tería feito ós responsables do medio público demandarnos unha continuación do formato que amosara a primeira: reflectar, coma a lei pedía, precisamente a “pluralidade social” desta comunidade, e promover contidos de calidade técnica e artística, “non degradantes nen escapistas”, nesa Extremadura que o Lince percorría guiado, en moitos casos, por correos, cartas e chamadas telefónicas dos mesmos seguidores do programa! Así saíron argumentos tan preciosos coma os dous capítulos adicados as abellas, ó mel e os colmeneiros, principal fonte de riqueza para o xente do pobo que nos chamou (entre os que eu catalogaría de “etnografía”) e tamén algúns de outras categorías, coma os de “denuncia medioambiantal”.
Temo que iso, impedir que as nosas cámaras e micros se abrisen sen intervención algunha dos responsables do control (non vou chamala censura, pois non precisan os inquisidores de hoxe só empregar unhas tesouras: poden evitar moi de antemán o indesexado, ó traverso da pléiade máis ou menos sumisa ou enganada de obedientes traballadores públicos) dos contenidos audiovisuais que chegan ós cidadans extremeños á traverso das súas pantallas televisivas foi, desventuradamente, unha das causas da extinción, non só do Lince, senón, a efectos desa tarefa de comunicación social, dos que traballamos en facelo.
Rematando xa unha narración máis longa, seguramente, do que a pequeneza do tema requeriría, decir que foi de consuno, entre empresa e traballadores, a renuncia a non respostar cambiando o noso xeito de facer, cadaquén, coma mellor crese que debía, nos ámbetos da súa responsabilidade. Respecto ó conflicto co medio, que rematou para nós con algo de sainete, e tamén con demasiado de “mofa, befa e escarnio público”, (chegando o director xeral do ente público a declarar no parlamento extremeño que a serie “suprimírase por razóns éticas” –sic-), amáis do escarmiento do evidente veto a toda producción previa ou proxecto novo, cicáis pra aviso doutros inxenuos navegantes que pretenderan, co seu traballo, acadar en condicións de liberdade o mesmo que nós naquelas dúas inacabadas experiencias.
Ignoro por completo cuais son as condicións de contratación, presupostos e quefacer das empresas, extremeñas ou non, que seguen a traballar a día de hoxe nunha espléndida relación co medio televisivo autonómico. Sei, iso sí, polos medios de prensa, que, ata día de hoxe, hai no ítem “gasto en tv” un enorme endebedamente contraido pola administración pública extremeña, que reiteradamente supera os seus propios presupostos, e leva ¡en tres anualidades de existencia! un custo anual máis de tres veces superior ó dos presupostos expresamente acordados para tal fin polo goberno autonómico.
Sinceiramente, non podo menos de sorprenderme que, con tan mala situación econonómica, podan cada ano seguer a prescindir da notable frugalidade amosada por Libre Producciones e os seus traballadores á hora de facer tv. O que se pode ver nesa pantalla pública, a verdade, non parece xustificar tan enorme custo.
Cicáis o que pagan é xusto o que permanece nela invisible. O prezo dos silencios, da alienación, do escurecemento cultural e dunha moi orwelliana edulcoración e terxiversación da realidade.